"Se virades entrar un veleiro na ría co velame despregado ó vento, os foques tensos no botalón de proa e a vela escandalosa alta no vento como unha bandeira, veriades a miña nenez a sorrir". (Antón Avilés de Taramancos)

O mar anda
O mar anda
que desanda,
anda que desaparece.
Quen ten amores
non durme;
quen non os ten
adormece.
(Popular galega - Uxía Senlle)

Martín Codax
Ondas do mar de Vigo

Ondas do mar de Vigo,
¿Se vistes meu amigo?
¿E-ai Deus- se verrá cedo?
ondas do mar levado,
¿Se vistes meu amado?
¿E-ai Deus- se verrá cedo?
¿Se vistes meu amigo
o por que eu sospiro?
¿E-ai Deus- se verrá cedo?
¿Se vistes meu amado
que me ten en coidado?
¿E-ai Deus- se verrá cedo?

Ay ondas que eu vin veer
Ay ondas que eu vin veer,
se me saberedes dizer
por que tarda meu amigo sen min.

Ay ondas que eu vin mirar,
se me saberedes contar
por que tarda meu amigo sen min.



Sedia-m'eu na ermida de San Simión - Meendinho

Sedia-m'eu na ermida de San Simión
e cercaron-mi as ondas, que grandes son.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?

Estando na ermida ant'o altar,
cercaron-mi as ondas grandes do mar.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?

E cercaron-mi as ondas, que grandes son:
non hei i barqueiro, nen remador.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?

E cercaron-mi as ondas do alto mar:
non hei i barqueiro, nen sei remar.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?

Non hei i barqueiro, nen remador:
morrerei eu fremosa no mar maior.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?

Non hei i barqueiro, nen sei remar:
morrerei fremosa no alto mar.
Eu atendend'o meu amigo. E verrá?




HIMNO GALEGO. Eduardo Pondal
Que din os rumorosos
na costa verdecente,
ao raio transparente
do prácido luar?

CATRO VELLOS MARIÑEIROS
Catro vellos mariñeiros, BIS
todos metidos nun bote.
Boga, boga, mariñeiro,
imos pra Viveiro,
xa se ve San Roque. BIS
Ailalelo ...
Os mariñeiros traballan BIS
de noite coa luz da lúa.
Dá gusto velos chegare
pola mañá cedo
cheirando a frescura. BIS
Ailalelo ...
Levo sardiña e bocarte, (traio sardiña e bocarte)
vendo xurelo pequeno. (tamén xurelo pequeno)
Rapaciña de Viveiro
ven buscar o lote
do teu mariñeiroBIS
Ailalelo ..

AMORIÑOS COLLÍN
Amoriños collín
na beiriña do mar,
amoriños collín
non os poido olvidar;
non os poido olvidar
non os poido olvidar,
amoriños collín
na beiriña do mar

EÍ VEÑEN
Ei veñen, ei veñen, ei veñen, ei van,
sardiñas fresquiñas de pola mañán,
de pola mañán, de pola mañán,
ei veñen, ei veñen, ei van.

LÉVAME
Lévame, lévame, lévame,
lévame á beira do mar,
nunha noite prateada,
noite dun craro luar.
Lévame, lévame, lévame,
lévame á beira do mar,
lévame, meu queridiño: BIS (lévame, meu mariñeiro)
eu tamén quero bailar.
Quero bailar, quero bailar,
quero bailar, quero bailar.
Onde vas, meu queridiño?
Onde vas, meu caravel?
Vou buscar berberechiños
para darlle ó meu querer BIS
para darlle ó meu amor.
Onde vas, meu queridiño?
Onde vas meu corazón?
TEÑO UN AMOR EN RIANXO/VENTO MAREIRO
Teño un amor en Rianxo e outro en Vilagarcía,
para ve-los meus amores, teño que cruza-la Ría,
teño que cruza-la Ría, teño que cruza-la Ría,
teño un amor en Rianxo e outro en Vilagarcía.
Non lle temas, mariñeiro, ó ventiño do mar,
que co vento mareiro dá mellor navegar.
Se navegas pola ría de Rianxo verás
as estrelas e a lúa darlle bicos ó mar.
Lévalle no teu peteiro, gaivotiña voa, voa,
lévalle no teu peteiro unha cartiña de amores
pró meu amor rianxeiro ( 3 veces)
gaivotiña voa, voa, lévalle no teu peteiro.
Non lle temas, mariñeiro.....
Vai pola noite a escoitar.
Cando vaias a Rianxo vai pola note a escoitar
as estrelas e a lúa os biquiños que se dan; ( 3 veces)
cando vaias a Rianxo vai pola noite a escoitar.
Non lle temas, mariñeiro.....
Collín a dorna en Rianxo
Collín a dorna en Rianxo, fun a Padrón pola Ría,
da terra de Castelao á de Cela e Rosalía,
á de Cela e Rosalía, á de Cela e Rosalía,
collín a dorna e Rianxo, fun a Padrón pola Ría.
Non lle temas, mariñeiro....

NA BEIRA DO MAR
Ollos verdes son traidores, BIS
azules son mentireiros,
os negros e acastañados
son firmes e vedadeiros. BIS
Na beira, na beira, na beira do mar
hai unha lanchiña pra ir a navegar BIS
Hoxe vinte pasar a ría BIS
cuns zoquiños de madeira,
ías tan remangadiña
ó pasar pola riberia BIS
Na beira, na beira, na beira do mar
hai unha lanchiña pra ir a navegar BIS
Cinco sentidos che temos, BIS
os cinco necesitamos
pero os cinco perdemos
en canto nos namoramos
Na beira, na beira, na beira do mar
hai unha lanchiña pra ir a navegar BIS

RODABALLO
Nunha lancha de Marín
coa proa de carballo, BIS
catro rapaces da Pobra
ui, ai, ai
roubaron un rodaballo.BIS
Mala chispa te coma,
mala chispa che dea,
mala chispa te trague,
ai, ai, ié. BIS a estrofa
O patrón que os mandaba
tamén era de Marín BIS
e díxolle ao rodaballo:
ui, ai, ai
moito miras para min! BIS
Mala chispa...
Fórono vender á lonxa
e con moito disimulo BIS
e quen o foi a comprar
ui, ai, ai
a filla do Cachirulo! BIS
Mala chispa ...
Aquí se acaba a historia
deste peixe rodaballo BIS
que por non haber aceite,
ui, ai, ai,
houbo que comelo asado. BIS
Mala chispa...



PORQUE SON DA MARIÑA
Non te cases cun ferreiro que é moi malo de lavar, BIS
cásate cun mariñeiro que vén lavado do mar,
que vén lavado do mar, ailelelo, ailalalo.
Porque son da Mariña son mariñán
e o fungueiro do carro lévoo na man,
levo na man morena, levo na man,
porque son da Mariña son mariñán.
Co aro dunha peneira miña nai deume unha tunda,
co aro dunha peneira miña nai teña vergonza,
que vén a xente da feira, que vén a xente da feira
ailalelo, ailalalo.
Porque son da Mariña son mariñán ...

Aturuxos - Ramón Armada Teixeiro
N'as regatas d'o cariño
nunca o mariñeiro amaina;
si n'hay vento, pica-boga;
si hay brisote, rizos larga.
Vivir n'o mar é dicha,
fertuna e groria,
que com'o mar n'o mundo
n'hay outra xoya;
Dios, cand'o fixo,
pra melloral-o déulle
goces divinos.
É o cantar dos mariñeiros
peixe-rey do curazon,
que n'hay cantar com'o deles;
nin amor cal seu amor
Boga, mariñeiriño,
boga lixeiro,
larga tod'o velamen
pra chegar presto;
qu'eu de ti cerca,
vivo como n'a concha
vive a aviñeira
Si vou pescar xurelos,
non pica o peixe;
si âs xibas poño nasas,
de ceba s'enchen;
calisquér dia,
por recoller percebes
vou dar âs mínchas.

D'o mar e d'a terra: "O mar" (pp. 93-97) - Francisco María de la Iglesia
[p. 93]

¡Zóa, mar funga, balbordea, brúa,
n'arredres teu furor, érguete âs nubes,
fai â terra tremer, barcos e penas
co-as tuas gorxas de demoño engule!
co-a rabia qu'aferventas n'o teu seo
érgue esas mangas d'asalgados fumes;
tua íria sin par non teña termo,
c'os teus tronidos ceu e chán aturde.
Decrárate martelo soberano
contra canto durez teña e valume;
c'o teu costante dente ¡roe, roe!...
canto enriba de tí a industria xunte:
cañós, balas, madeiras, hosos, teas...
nada teu ventre comellón repune.
Enfónchate, orgulécete, aroállate;
pro cantas máis areas en tí xuntes
máis material serán con que dar corpo
âs veiras que desfás c'os teus rempuxes.

[p. 94]

Dentro do corpo teu vai outra forza,
xuntando o que tí môs, pro non destrues.
Ela refreará tua puxanza
pra qu'a soberba contr'o ceu n'atufes;
ela c'o limo e sal d'as veas tuas
os corpos xuntará qu'irado tundes,
facendo novos seres, terras novas,
da masa levedada n'o teu buche.
D'a terra n'has facer cera e pabío;
erguéla ti verás vales e cumes;
qu'a madre Natureza farturabre
sô vive pra criar, e hastra do fume
e d'os seres manidos e invisibres
fai os menistros do seu trono ilustre.
Tí non eres nomáis que forza bruta,
palanca remexente que rexurdes,
porqu'o âr te manea atropelante
ô són d'ese calor que baixa ou sube.
Tí eres un cabalo sin concenza,
touro que forzas misteriosas xunguen,
fera doente qu'arroutada trabas
cando ch'atízan os centraes lumes;
pro, suxeita ô poder d'a intelixenza,

[p. 95]

(de Dios somello d'inmortal relume),
qu'irá brilando sobre tí decote,
porqu'a verdade pol-o mundo cruce.
Non t'envanezas, pois, MAR, pára quedo,
non loites briarial nin testarudes:
pois nunca has de ter máis soya unha gota
ora t'abales, ergas ou debrúes—,
e por guindar n'a terra outro deluvio
o brilo d'as estrelas hoxe enfusques.
Canto lles das, che dan sin perder solbo
ríos e fontes, brétemas e nubes,
sin minüir a vida ese tesouro.
con que dotado dende o empezo fuches.
As pelras e diamantes d'o teu seo,
a prata e ouro que n'as penas luces,
as vidas dos mortás que cego solbes,
por ben que te retorzas e marmules,
e raches tua lingua contra as pedras,
e mais ventosas contra o chan apuntes,
non ch'han de dar un grau de mais potenza
anqu'os sigros pra tí suas horas xunten.
Cálmate, calma pois, non sexas tolo,
víst'o teu manto d'anacrado azure,

[p. 96]

non adiques mais túmbalos â morte
nin t'asolace o lostregar d'axufre;
pois abondan n'o chan os simiterios
sin que fallen as bágoas en ningures.
Non sexas istrumento d'a disgracia,
door n'o noso peito n'acugules:
deixa paso os mortás. Calma tuas írias,
fúnde tua groria en ver que contribües
ô pran d'o Dios criador, que se comprace
en xuntar teus confís co-as suas luces.
D'as edás que tí viches ir rolando
n'esa liña espiral qu'o ceu ensume
¿lograches tí matar o pensamento
por mais que badüou teu ruxe-ruxe?...
¿poideches tí arredar qu'o Vello Mundo
ô Novo dese cencias e costumes?...
¿conseguiche afogar o sagro alento
d'os inmortás Colón, Gama e Vespuce,
e qu'a y-albre d'a Crúz verta esperanzas
do alto Chimborazo alo n'o cume?
¿Nin que Garay e Fulthon t'enfreasen.
nin qu'as ideyas por teu seo crucen
como por antr'as veas d'o celebro

[p. 97]

qu'altos imperios erguen e confunden.
e fan qu'o chan hispán e filipino
antre duas auroras se saúden,
e sintan as Antillas seus sospiros
e n'unha mesma aspirazón se xunten?...
¡Nón e nón, longo MAR! Decote escravo
serás d'o sprito humán: sí, ¡non o dudes!
mentres qu'o sprito mande n'a materia,
ora durmas en paz, ora t'atufes,
franco paso darás â humanidade:
conqu'así ¡pára quedo... e durme ... dúrme!


Frebeiro de 1881.

Cantares Gallegos
Rosalía de Castro
Asi mó pediron
Na veira do mar,
A ó pé das ondiñas
Que veñen e van.


«Nosa señora da Barca
Ten o tellado de pedra;
Ben ó pudera ter d' ouro
Miña Virxe si quixera.»
I.

Canta xente... canta xente
Por campiñas, e por veigas!
Canta pó lo mar abaixo
Ven camiño da ribeira!
Que lanchas tan ben portadas
Con aparellos de festa!
Que botes tan feituquiños,
Con tan feituquiñas velas!
Todos cargadiños veñen
De xentiña forasteira,
E de rapazas bonitas
Cura de tódalas penas.
Deixo amigos por estraños,
Deixo á veiga pó lo mar,
Deixo, en fin, canto ben quero...
¡Que pudera non deixar!...
Adios tamén, queridiña...
Adios por sempre quizais!...
Dígoch' este adios chorando
Desd' á veiriña do mar.
Non m' olvides, queridiña,
Si morro de soidás...
Tantas legoas mar adentro...
¡Miña casiña! meu lar!
17.

Pasa rio, pasa rio,
Có teu maino rebulir,
Pasa pas' antr' as froliñas
Color d' ouro e de marfil,
A quen c' os teus doces labios
Tan doces cousas lle dis.
Pasa, pasa, mais non vexan
Que te vas á ó mar sin fin,
Por qu' estonces ¡ay! probiñas!
Canto choráran por tí!
Si souperas qu' estrañeça,
Si souperas que sofrir,
Desque dél vivo apartado
O meu coraçon sentiu!
Tal m' acoden as soidades
Tal me queren afrixir,
Qu' inda mais feras m' afogan,
Si as quero botar de min,
Y iay! que fora das froliñas
Vendote lonxe de si
Ir pó la verde ribeira,
Da ribeira dó Carril!

Pasa, pasa caladiño,
Có teu manso rebulir,
Camiño dó mar salado,
Camiño dó mar sin fin,
E leva estas lagrimiñas
Si as de chegar por ali
Pretiño dos meus amores
Pretiño dó meu vivir.
Ay! quen lagrimiña fora!
Prá ir meu ben unda tí...
Quen fixera un camiñiño
Para pasar, ay de min!
Si o mar tibera barandas
Forate ver á o Brasil;
Mais ó mar non ten barandas,
Amor meu, por dond' ey d' ir?
Falas, y ó meu pensamento
Mira pasar temerosas
As sombras d' eses cen portos
Qu' ô pé d'as ondiñas moran.
E pouco á pouco marchando
Fráxiles, tristes e soyas,
Vagar as naves soberbas
Aló nun-ha mar traidora.
Y ay! como nélas navegan
Os fillos d'as nosas costas
Con rumbo á América infanda
Qu' á morte c'o pan Iles dona,
Desnudos pedindo en vano
A patria misericordia,
Anque contenta á gaitiña
O probe gaiteiro toca,
Eu podo decirche
Non canta que chora.

“Conta un autor clásico, Floro, como as lexións de Décimo Xunio Bruto, ó chegar ás praias de Galicia, ollaron cun “relixioso arrepío”, o solpor no curvo horizonte do Océano latexante e poderoso. Chegaban ó confín do lonxano Occidente, ó Finisterre, onde o mundo se asomaba ó misterio por unha costa de graves promontorios graníticos. O mar descoñecido engulíase ó sol e nas praias roibas morría rítmicamente a onda cumprida dunha maré inesplicábel…” Ramón Otero Pedrayo, Historia da cultura galega (1939)

O ciclón
Xosé Neira Vilas
Ti naciches moito despois, pero terás oído falar do ciclón do ano vinteseis, o máis fero que recorda a Habana, segundo contan os vellos máis vellos. Eu vivino hora por hora e case me fai recachar a mazaroca, como lles aconteceu ós meus compañeiros de tripulación.
Aquelo foi unha desfeita. Voaban tellados, letreiros, árbores polo pé, chemineas, vigas, campanarios. E a zarracina de auga inundou vivendas a eito, encheu rúas e parques, e na riada ían e viñan mobles, roupas e cadáveres dos afogados. Afundiuse o iate presidencial e dous barcos de guerra; o central azucreiro Toledo derrubouse con toda a maquinaria; esbargallouse a estación do ferrocarril, e caiu coma un palloco a figura lanzal de Giraldilla, que coroaba a fortaleza real dende había máis de trescentos anos.
Todo empezou cun balbordo teimoso e estarrecedor que encheu a cidade. O frade astrónomo do colexio de Belén avisou da catástrofe que se aveciñaba. O que vivían en lugares baixos ou en casas algo febles pecharon as portas e foron pasar o ciclón con parentes ou amigos que moraban entre paredes seguras. As ferreterías enchéronse de xentes que a toda présa mercaban cravos para reforzar portas e xanelas, ó tempo que arramplaban co que ía quedando nas tendas de víveres.
Coma tantos, vivín eses días con moito grimo. Cando todo pasou fun sabendo... Oito paisanos morreron esmagados polo teito dun galpón portuario no que se cobexaran; un mariñeiro de Caamouco salvouse collido dunha táboa que o sostivo varias horas; outro, de Laxe, agatuñou polo pau maior dun viveiro para pasar a outro barco e perdeu a vida no intento. E logo o caso daquel barco fóra de uso, sen áncora e coa proa embicada nunha beira, convertido en cárcere a onde ían dar os estranxeiros condenados a deportación. Había nel un fato de putas francesas, que berraban na cuberta cando o calimbornio deu en moverse descontrolado, batendo aquí e alá e afundindo pesqueiros e homes. Tal foi a sorte negra do Cerdido e doutros. Voucho contando polo atallo, pois moitas máis foron as desgracias.
Podo contalo porque o destino quixo que vivise e que me atope agora aquí, vello e xubilado, de palique contigo nesta praza de tantos recordos, de tantas conversas mariñeiras, de tantas historias de loitas e de naufraios, de esperanzas e derrotas. E inda non che contei de min. Aínda non che dixen como salvei da traxedia naquel malfadado outubro do vinteseis.
Eu era pescador no Coruña. Chegaramos de Campeche na véspera, cunha boa marea de cherna. Eramos doce, co patrón. Todos estabamos a bordo, co barco amarrado na badía. A proximidade do furacán era noticia que rolaba de boca a orella e sentíase na calma chicha que viña do sur, do Caribe, e cubríanos a manta dun nubeiro mesto, sen cabo, e oiamos coma un balbor tremante. Pero rosmábase que o ciclón tardaría en chegar; que inda estaba lonxe. E por eso falei cos compañeiros e díxenlles que os deixaba por dúas ou tres horas para ir ó teatro Alhambra, onde viñan poñendo La isla de las cotorras. Nada apuxeron. E funme. E vin a obra. Ai, pero cando voltei xa non puden nin achegarme á Avenida do Porto. Entrara o ciclón e aquelo era un mundo de auga e vento. A xente berraba, e grupos de voluntarios, atados uns ós outros con cordas, axudaban o que podían. Agarreime coas dúas mans a unhas reixas do Club Marino e estiven varias horas enchoupado e aterecido, procurando que non me levase o vento. Recordo unha árbore arrincada polo pé, que case me esmaga, e un balcón que me caiu á beira, e o enorme letreiro de chapa que viña voando e que logrei esquivar. Cando aquelo foi pasando deixeime caír nunha poza de auga suxa. Estaba desfeito.
Souben logo o peor: o Coruña afundírase e afogaran os meus once compañeiros. Chorei moito. Chorei sobre todo por Pepiño, o rapaz de trece anos que saíra ó mar por primeira vez, despois que eu falara coa nai para que o deixase vir. Teño coma un anoto que me atafega; doime esta sobrevida, este sentirme orfo de compañeiros. Eran todos de Redes, e cando a noticia chegou alá tocaron a morto as campás durante cinco días.

refrans mariñeiros
As estrelas a brillar, mariñeiro para o mar
Norte escuro, temporal seguro
Nube negra, proa a Guerra
Nube con posta de sol, non faltará chaparrón
Ollo o marear, que relinga a vela
Patos que axitan as súas alas sen parar, a chuvia e o vento non han facerse esperar
Perigos non poden faltar, nin na terra nin no mar
Quen velou , sondou , e desconfiou , nunca embarrancou
Regra e compás e nunca errarás
Si e vento noroeste , que o capitán non se deite Si vas con norte para o mar, roupa de auga has de levar

No mar hai unha torre
e na torre unha ventana
e na ventana unha nena
que aos mariñeiros chama.
Moi ben canta, moi ben canta
a sereíña do mar,
os mariñeiros dan a volta
só pola oír cantar.
¡Vállame Deus o que canta
a sereiña do mar!
Os mariñeiros dan a volta
só pola oír cantar.
Vállame Deus o que canta
a sereíña no mar,
os navíos deran volta
só pola ouvir cantar.

Indo polo mar abaixo
oín canta-la serea.
¡Vállame Deus, como canta
Unha cousa tan pequena!



Nosa señora de Bares
que nos dea o vento en popa,
que somos os de Celeiro
e temos a vela rota.
Nosa señora do Faro,
a do Monte lle axudou;
ela viu pasare
os papeiriños pa Arou.
Virxe de Vilaselán,
tráeno-lo ventiño en popa,
que somos de Ribadeo
e traémo-la vela rota.



Veño de cose-la rede
sentadiña na ribeira,
xa me agarda miña nai
co caldiño na lareira.



Aínda habemos de encontrar
algunha moza solteira,
apañando caramuxas
por aí, pola ribeira.



E nós as nenas,
tan gallardiñas,
vendemos xardas
e máis sardiñas;
vendemos todo
polo máis valer,
que aínda non deixamos
para nós comer.



Chamáchesme sardiñeira
porque che vendo as sardiñas.
Sardiñeiro seralo ti
que me cómpra-las sardiñas.



Aí vén o barco do mar,
aí vén a sardiña toda,
aí vén o meu mariñeiro,
asentadiño na proa.



Teño barcas, teño remos,
teño sardiñas no mar,
tamén teño un bo marido,
non preciso traballar.



Non te cases cun canteiro,
que che saltan as pedriñas;
cásate cun mariñeiro
que che trae boas sardiñas.

Deitado frente ao mar (Longa noite de pedra), Celso Emilio Ferreiro.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, dóce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...

Romance do pescador peleriño. Xosé María Álvarez Blázquez
Andivo todos os mares
baixo o corazón da vela.
Mariñeiro era por gala
dos mariñeiros da terra,
pescador nas outas augas
onde aboian as estrelas,
atal que brancas alfoias
para enfeitar ás sereas.

El navegar, navegaba
unha dorna mariñeira;
nos ollos sempre un relanzo
de escumas cantaroleiras,
no corazón —¡Ai, Dios santo!—
no corazón unha arela.

Os brazos eran de buxo,
os remos, palmas lixeiras,
o timón... ben semellaba
asa de gueivota albeira.
Onde él chegaba ca dorna
iña a barileza nela,
i o vento se Ile aquedaba
como unha pomba sinxela.

Os peixes choutaban ledos
polo albiscar na cuberta
co seu mouro peito ispido,
botando cantigas tenras.
¡Ai, él levaba, Dios santo,
no corazón unha arela!

Ela gardaba un segredo
debruzada na fiestra,
co mar metido na ialma,
que era moito mar para ela.
Os sargazos do cabelo
enredábanlle na testa,
porque o vento enredador
tiña cobiza das rendas.

Cicais fose por brincare,
ou sería por envexa,
o vento —lobo dos homes—
quixo arrabuñar na terra.
¡Ai! ¿onde irá o vento solto
choutando pola ribeira?
¡Ai, o vento entolecido
polo mar, coma unha besta!

(El gobernar, gobernaba
unha dorna mariñeira.)

Niguén escoitou a voce,
acolá na noite pecha,
co mar bruando arredor
ladaíñas agoirentas:
—¡Líbrame, Señor Sant-Yago,
pescador da Galilea;
meu Sant-yago, navegante
en branca dorna de pedra!
Si me librares, Señor,
irei verte a Compostela,
descalciño dos dous pes,
no meu peito unha vieira.

Escoitar, ben o escoitara
Sant-Yago feito de pedra.

Vel ehí vai o peleriño
polas valgadas da terra;
sobor das cangadas costas
a crus de remos Ile beila.
Nos ollos sempre un relanzo
de escumas cantaroleiras;
no corazón ¡ai, Dios santo!―
no corazón unha arela.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Insignia identificativa de Facebook

Image Hosted by ImageShack.us

Agora no twitter

    follow me on Twitter

    Recibenos no teu email

    Introduce a tua dirección:

    Delivered by FeedBurner

    Engadenos na tua web

    Siareiros

    Contacto
    Museo Provincial do Mar
    Avenida da Mariña s/n
    San Cibrao
    27890 Cervo (Lugo)
    Tfno.: 982 594 572 / museodomar

    Horario de inverno (de outubro a maio)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Tardes de 16:00 a 19:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Horario de verán (de xuño a setembro)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a14:00
    Tardes de 17:00 a 20:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Contenidos bajo licencia

    Creative Commons License