A PIRATA PENAMOURA
J. Daniel Buján Núñez

“A capitana Penamoura ideou un plan de ataque, e pensou intelixentemente que as mesmas saídas en busca de botín dos piratas do Manteigas ofrecían unha inmellorable oportunidade para desfacernos deles definitivamente.
O navío inimigo non estaba moi lonxe da terra, atracado a resgardo da mar aberta na ría da Portiña e recollido na pequena badía de Parallás onde botara as áncoras. Non tiña realmente moito que temer das pacíficas xentes do lugar, pero gardaban os seus tripulantes algunhas precaucións en razón do medo que tiñan a algún imprevisto ataque de Noa Penamoura. ¡E ben acertados que estaban ó temela, aínda que de pouco lles ía servir calquera prevención ante a nosa capitana”.
“Ninguén no barco se decatara do que estaba a pasar en terra. (...) pero sería o mesmo que non tivésemos todas estas avantaxes, pois no momento en que o asalto tiña lugar, o barco da Penamoura aparecía por un dos extremos da badía, quedaba á vista dos piratas do Manteigas, e convertíase na súa única preocupación e foco de interese.
A presencia do noso barco era en realidade un máis dos elementos da trampa que a capitana lles preparaba ós piratas, e non tiña outra función que a de atrae-la atención destes mentres a Penamoura neutralizaba o grupo de terra e intentaba atacalos pola “retaguardia”. Así que o Morriñoso, que así que tal se chamaba o noso barco, manobrou destramente finxindo impetuosas intencións de ataque, pero manténdose en realidade en todo momento fóra do alcance dos canóns inimigos. Disparou incluso un par de andanadas con tódolos canóns que daban a estribor, que, como era lóxico dada a distancia, caeron lonxe do barco do Manteigas, pero serviron para alarmar seriamente ós seus piratas, enganalos sobre a seriedade do falso ataque e amedrentalos o suficiente como para que non tivesen ollos nin atención máis que ó punto do horizonte no que se atopaba o temido barco da Penamoura”.


O PIRATA METEPATA
Toño Núñez – José Tomas
Para o mar dos golfiños
un barco marchou;
na popa un adeus,
na proa un vou-vou.
Velas de flanela,
temón de algodón,
mastro de alabrastro,
remos de cartón.
O capitán era
un vello peneque
de barba amarela,
cachimba e chaleque.
Sucaba os mares
de azul-trebón,
rompía as ondas
con gran decisión.
Mais no arrecife
das rochas de algodón,
nun golpe de vento,
o barco encallou!
- Sálvese quen poida!
-berrou unha voz-
Un barco pirata
vén por estribor!
- Quietos todos!
-o capitán ordenou-
se son tan valentes...
que veñan por nós!
Con cara de pataca,
o pirata Metepata
ergueu a espada
de folla de lata.
- Rendédevos!
-anunciou-
Eus son o Pirata Metepata
e non teño compaixón!
- Menos lobos, Metepata,
con nós non tes que facer,
vimos da terra galega,
somos duros de roer!
- Déixate de lerias, vello!
Traede o ouro e a prata.
Non vedes que son o teimado
e temido Metepata?
O capitán peneque
-de Galicia chegado-
mirouno de arriba abaixo
con ollos de mar alporizado.
Sacou do peto a cachimba
-que de certo era un canón-
botou lume pola boca...
Semellaba un dragón!
O Pirata Metepata
fuxiu a todo meter,
vento en popa a toda vela...
Nunca o volveron ver!
E chegaron os golfiños,
a miles en procesión;
sacaron o barco das rochas,
salvaron a embarcación!
E o velliño peneque
voltou para a terra a descansar,
e regaloume esta historia
para que eu vola poida contar.

O mar anda
O mar anda
que desanda,
anda que desaparece.
Quen ten amores
non durme;
quen non os ten
adormece.
(Popular galega - Uxía Senlle)

CATRO VELLOS MARIÑEIROS
Catro vellos mariñeiros,
todos metidos nun bote.
Boga, boga, mariñeiro,
imos pra Viveiro,
xa se ve San Roque.
Ailalelo ...
Os mariñeiros traballan
de noite coa luz da lúa.
Dá gusto velos chegare
pola mañá cedo
cheirando a frescura.
Ailalelo ...
Traio sardiña e bocarte,
vendo xurelo pequeno.
Rapaciña de Viveiro
ven buscar o lote
do teu mariñeiro.


PORQUE SON DA MARIÑA
Non te cases cun ferreiro que é moi malo de lavar, BIS
cásate cun mariñeiro que vén lavado do mar,
que vén lavado do mar, ailelelo, ailalalo.
Porque son da Mariña son mariñán
e o fungueiro do carro lévoo na man,
levo na man morena, levo na man,
porque son da Mariña son mariñán.


No mar hai unha torre
e na torre unha ventana
e na ventana unha nena
que aos mariñeiros chama.
Moi ben canta, moi ben canta
a sereíña do mar,
os mariñeiros dan a volta
só pola oír cantar.
¡Vállame Deus o que canta
a sereiña do mar!

Indo polo mar abaixo
oín canta-la serea.
¡Vállame Deus, como canta
Unha cousa tan pequena!

Veño de cose-la rede
sentadiña na ribeira,
xa me agarda miña nai
co caldiño na lareira.



Aínda habemos de encontrar
algunha moza solteira,
apañando caramuxas
por aí, pola ribeira.



E nós as nenas,
tan gallardiñas,
vendemos xardas
e máis sardiñas;
vendemos todo
polo máis valer,
que aínda non deixamos
para nós comer.



Chamáchesme sardiñeira
porque che vendo as sardiñas.
Sardiñeiro seralo ti
que me cómpra-las sardiñas.



Aí vén o barco do mar,
aí vén a sardiña toda,
aí vén o meu mariñeiro,
asentadiño na proa.



Non te cases cun canteiro,
que che saltan as pedriñas;
cásate cun mariñeiro
que che trae boas sardiñas.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Insignia identificativa de Facebook

Agora no twitter

    follow me on Twitter

    Recibenos no teu email

    Introduce a tua dirección:

    Delivered by FeedBurner

    Engadenos na tua web

    Siareiros

    Contacto
    Museo Provincial do Mar
    Avenida da Mariña s/n
    San Cibrao
    27890 Cervo (Lugo)
    Tfno.: 982 594 572 / museodomar

    Horario de inverno (de outubro a maio)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Tardes de 16:00 a 19:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Horario de verán (de xuño a setembro)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a14:00
    Tardes de 17:00 a 20:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado
    Se ha producido un error en este gadget.

    Contenidos bajo licencia

    Creative Commons License