“Pariuno o mar”
“Pariuno o mar”, iso é o que dicían todos. Deixouno a marea na bazante envoltiño en olga coma se fora un novelo de la. De pequeno que era case non se vía, parecía unha mincha, pero oíase, abofé que si, ouveaba coma se o estivesen mazando a paus. O pobo en ristre acudiu a aquel reclamo, e para cando a xente toda chegou á praia non souberon que facer, ficaron alí parados, coa boca aberta dunha cuarta e os ollos aínda máis recachados pola incredulidade. Alí mesmo, ó seu carón, había un meniño pousado na area, louro e cuns enormes ollos azul mar, que miraba para eles con impaciencia, esixindo a súa atención cun enérxico batir de brazos e pernas. ¡Era un milagre! Tiña que selo, era imposible de todo que aquela criatura indefensa puidese sobrevivir a aquel temporal. Sen dúbida, era un milagre, porque aquilo escapaba a todo entendemento...
E así foi como Xuxiño apareceu en Portomaior. Entre todos lle puxeron o nome (chamáronlle así por aquilo da milagre) e entre todos o criaron. Sempre había un prato para el en cada mesa e unha cama en cada casa. Acordaron facelo así porque no fondo sabían que aquilo non podía durar, e que Xuxo había desaparecer un día do mesmo xeito que aparecera, sen previo aviso.
Portomaior era un pequeno pobo mariñeiro que facía centos de anos conseguira agromar nunha estreita lingua de terra, entremetida no mar case como por descoido. As casas circaban a península coma un parapeto, para poder mirar ó mar de frente e velo vir; achegábanse unhas a outras para abrigarse dos irados embates das augas. Polas noites o pobo era como se desaparecera, agochábase na escuridade, á única luz do facho, que se prendía aló enriba no curuto para guiar e dar compaña ós mariñeiros no seu traballo.
Neste mundo salgado medrou Xuxiño, o Gaivoto, como axiña lle chamaron polos seus anceios de fuxir cara o mar. De pequeno so conseguían durmilo levándoo á praia para ouvir o esmorecer das ondas cando pisan terra firme; e cando faltaba, sempre o atopaban no alto do facho coa mirada perdida lonxe na liña do horizonte. Cando lle preguntaban que facía alí, el dicía que falar coa súa nai, e que cando fora grande collería un barco e iría ata aquela raia do fondo para ir buscala.
“Iso son cousas de pícaros”, “a este cativo dálle moitas voltas o maxín”, dicían os veciños para calmar o seu desasosego. Pero o certo era que, ó que máis, ó que menos, unha voceciña aló dentro lles dicía que o neno non contaba mentira. Por iso, cando a verdade se desvelou, non colleu a ninguén de sorpresa.
Todo ocorreu o día que Xuxo cumplía 18 anos. Esa noite, aproveitando a lúa chea, amigos e veciños tíñanlle preparada unha boa troula, con música e bo xantar ó redor do lume do facho. Alí estaba todos celebrando, cando de súpeto escomenzou a levantarse unha lixeira brisa. Naquel preciso intre foi como se o aire sorbera tódolos sons do tempo; ninguén era capaz de pronunciar un chío. O único que se sentía era o lene bruar do mar, coma se de voces lonxanas se tratase. E daquela, oírona:
- “É a hora. Ven meu fillo, vente comigo”
E Xuxiño foise, subiu ó seu chálano e marchou cara aquela raia do fondo que tanto o abraiaba cando era neno. E nunca máis volveu.
Desde entonces, todos volveron a fondar naquela pregunta abandonada xa facía tantos anos: “¿De dónde demo sairía este cativo?”. E sen ningún tipo de dúbida atoparon a resposta que buscaban.
Os máis vellos do lugar lembraron unha lenda, que nos tempos antigos se pasaba de pais a fillos ó chegaren á maioría de idade. Contaba a historia de Laia, unha serea que polas noites se pasaba horas observando o sufrido traballo dos mariñeiros. A ela dábanlle moita pena e non entendía porqué, aínda por riba, tiña ela que enganalos para levalos ó naufraxio. “Non era xusto, non señor, e non o faría”. Nestas cavilacións andaba cando unha noite de luar, unha onda traidora conseguiu emborcar unha daquelas lanchas. Viuno caer, e el mirou para ela coa faciana desencaixada polo pánico, suplicándolle a súa axuda.
- “Espíritos das ondas, prégovos, aínda é un mozo, non pode ser a súa hora”. E sen esperar máis resposta, somerxeuse na procura daquela vida, tan valiosa para ela.
Desde aquel día, agradecido, Breixo, que así se chamaba aquel mozo, ía vela tódalas noites; falaban durante horas e horas ata o amencer. E como non podía ser doutra maneira namoráronse perdidamente. Pero ese amor era imposible, dado o distinto ser da súa natureza. Consumidos pola tristura e a anguria, suplicáronlle indulxencia ós espíritos do mar e ós espíritos da terra. Impresionados pola intensidade dos seus sentimentos, os espíritos chegaron a un pacto: cada dez vidas unha serea e un home terían unha noite para facer posible o seu amor. Desta unión sairía un neno, que sería como un agasallo do mar ás súas xentes, case unha desculpa polas moitas vidas que se quedaba.
Esta era a resposta que levaban tanto tempo agardando: Xuxiño foi o seu agasallo, foi o regalo que o mar lle deu a Portomaior.
Desde que Xuxo marchou, todo o pobo se reunía, cada día, ó redor do facho a escoitar os sons da noite, espreitando na escuridade, coa esperanza de sentir entre a oleaxe as voces perdidas do mar.



Silvia Fiallega Lorenzo.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Insignia identificativa de Facebook

Image Hosted by ImageShack.us

Agora no twitter

    follow me on Twitter

    Recibenos no teu email

    Introduce a tua dirección:

    Delivered by FeedBurner

    Engadenos na tua web

    Siareiros

    Contacto
    Museo Provincial do Mar
    Avenida da Mariña s/n
    San Cibrao
    27890 Cervo (Lugo)
    Tfno.: 982 594 572 / museodomar

    Horario de inverno (de outubro a maio)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Tardes de 16:00 a 19:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Horario de verán (de xuño a setembro)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a14:00
    Tardes de 17:00 a 20:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Contenidos bajo licencia

    Creative Commons License