Arredor dunha mesa, e cunha fonte de torrixas propias destas datas, os membros do Club Senior do Museo do Mar, rememoraron os aromas daquelas noites de inverno, sentados no escano ao carón do lume contando contos e facendo pequenas labores mentras cocían os pucheiros.
Logo aparecerían as cociñas de ferro ou cociñas económicas alá polos fináis dos corenta principio dos cincuenta, cando moitos xa estaban casados e nacera algún dos fillos, e aínda máis tarde chegou a cociña de butano, coa que a presa e a inmediatez rompería a maxia de cociñar a lume morniño.
Tixolas, potes, caldeiros de porcelana para ir buscar a auga á fonte saíron na conversa, neste espazo que foi a escola de moitos deles e agora é o museo de todos.
Tamén se intercambiaron unha chea de receitas que no próximo faladoiro imos tratar de ter recopiladas, e como recordo desta fermosa tarde levamos un imán para as modernas neveiras das nosas cociñas, coa forma daqueles caldeiros de porcelana.
A xuntanza foi moi grata e productiva e estamos todos desexando repetila.
0 comentarios:
Publicar un comentario