As ameixas xigantes (Tridacna gigas) son os moluscos bivalvos máis grandes do mundo. Poden chegar aos 150 cm de lonxitude e aos 300 kg de peso. Téñense atopado exemplares con máis de 100 anos polo que tamén son dos máis lonxevos.

OBXECTO: Tridacna gigas
DATA: Século XX
MATERIAIS: Material orgánico / Organic material / Material orgánico
MEDIDAS: 31 x 76 x 46 cm ; 28 x 74,2 x 44,2 cm

Estes colosos naturais atópanse nas augas cálidas tropicais dos océanos Pacífico e Índico. Están seriamente ameazados pola destrución dos arrecifes coralinos nos que habitan e pola súa pesca abusiva, debido á súa valorada carne e espectaculares cunchas.

Xa nos séculos XVI e XVII chegan a Europa os primeiros exemplares destes xigantes mariños que, en moitas ocasións, eran enviados por misioneiros como agasallos que pasaban a engrosar as coleccións de gabinetes de curiosidades e de ciencias naturais ou a decorar parques e xardíns. Aínda hoxe se poden ver en igrexas como pías de auga bendita, razón pola que os franceses as chamaban bénitier.


O primeira peza que atopa o visitante ao entrar no Museo Provincial do Mar é un pupitre que recorda que se están a traspasar os muros dunha vella escola.

OBXECTO: Pupitre escola / School desk / Pupitre escuela
DATA: Século XX
MATERIAIS: Madeira, verniz / Wood, varnish / Madera, barniz
MEDIDAS: 82,5 x 110 x 83 cm

Este é un exemplo do típico modelo de pupitre de finais do s XIX e primeiros anos do s XX: bipersoal, de madeira, con asentos abatibles, co taboleiro inclinado e cun par de buratos nos que se metían os tinteiros.

Coa pizarra e o pizarrín enriba del (que sempre tentan a bosquexar algunha cousa) son moitos os recordos que evoca e moitas as historias que suxestiona e invita a relatar.

Trátase dunha peza que serve de magnífica escusa para reflexionar sobre as diferenzas entre o modelo educativo dos anos trinta e o actual. Tamén sobre a emigración xa que, non podemos esquecer, o edificio no que se encontra o Museo Provincial do Mar naceu para ser unha escola indiana.



Unha parte esencial dos museos son as súas coleccións e por isto consideramos que é importante ir presentándovos as pezas que forman parte do Museo Provincial do Mar, para que as vaiades coñecendo mellor e tamén para que saibades de primeira man o traballo que se desenvolve no día a día dun museo como o noso.

Hoxe comezamos cunha das mandíbulas de balea expostas na cuarta sección do museo adicada a Os cazadores de baleas.

OBXECTO: Mandíbula
DATA: Século XVI-XVII
MATERIAL: Calcario
MEDIDAS: 40 x 350 x 40 cm

Esta mandíbula de balea vasca ou balea franca (Eubalaena glacialis) pertence a unha dos centos de baleas que foron cazadas en San Cibrao ao longo dos séculos XIII a XVII. Permaneceu baixo a auga máis de 400 anos ata que foi atopada por Ramón Rivas Villares mentres practicaba submarinismo na praia de Cubelas.

A balea vasca ou balea franca era unha especie que podía alcanzar os 18 m de lonxitude e as 60 t de peso. De cor negra, ás veces cunha mancha ventral branca, caracterizábase por non ter aleta dorsal nin pregos na gorxa. Si presentaba unhas características calosidades na cabeza que permitían distinguir a cada animal.

Os ósos eran as partes menos aproveitadas da balea, xa que a graxa, a carne, as barbas ou a lingua tiñan moito maior valor económico. Con todo, por ser os ósos moi porosos, lixeiros e doados de tallar, foron usados como material de construción, para facer mobles ou pequenos adornos. Por exemplo, un muíño de Bares (Mañón) está teitado con mandíbulas de balea.

Que esta mandíbula se atopase, e outros moitos ósos de balea, na praia de Cubelas, débese a que esta era a praia que resultaba máis axeitada para procesar as baleas remolcadas despois de ser cazadas a pouca distancia da costa.

Por tanto, a singularidade desta peza reside en que ten máis de 400 anos e pertence a unha especie de balea xa extinguida. Grazas a ela podemos constatar a grandiosidade dun animal ao que os homes se enfrontaban para obter grandes beneficios.


Insignia identificativa de Facebook

Image Hosted by ImageShack.us

Agora no twitter

    follow me on Twitter

    Recibenos no teu email

    Introduce a tua dirección:

    Delivered by FeedBurner

    Engadenos na tua web

    Siareiros

    Contacto
    Museo Provincial do Mar
    Avenida da Mariña s/n
    San Cibrao
    27890 Cervo (Lugo)
    Tfno.: 982 594 572 / museodomar

    Horario de inverno (de outubro a maio)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Tardes de 16:00 a 19:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Horario de verán (de xuño a setembro)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a14:00
    Tardes de 17:00 a 20:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Contenidos bajo licencia

    Creative Commons License