Unha parte esencial dos
museos son as súas coleccións e por isto consideramos que é importante ir
presentándovos as pezas que forman parte do Museo Provincial do Mar, para que as
vaiades coñecendo mellor e tamén para que saibades de primeira man o traballo
que se desenvolve no día a día dun museo como o noso.
Hoxe comezamos cunha das mandíbulas
de balea expostas na cuarta sección do museo adicada a Os cazadores de baleas.
OBXECTO: Mandíbula
DATA: Século XVI-XVII
MATERIAL: Calcario
MEDIDAS: 40 x 350 x 40 cm
Esta mandíbula de balea
vasca ou balea franca (Eubalaena
glacialis) pertence a unha dos centos de baleas que foron cazadas en San
Cibrao ao longo dos séculos XIII a XVII. Permaneceu baixo a auga máis de 400
anos ata que foi atopada por Ramón Rivas Villares mentres practicaba submarinismo
na praia de Cubelas.
A balea vasca ou balea
franca era unha especie que podía alcanzar os 18 m de lonxitude e as 60 t de
peso. De cor negra, ás veces cunha mancha ventral branca, caracterizábase por non
ter aleta dorsal nin pregos na gorxa. Si presentaba unhas características calosidades
na cabeza que permitían distinguir a cada animal.
Os ósos eran as partes menos
aproveitadas da balea, xa que a graxa, a carne, as barbas ou a lingua tiñan moito
maior valor económico. Con todo, por ser os ósos moi porosos, lixeiros e doados
de tallar, foron usados como material de construción, para facer mobles ou
pequenos adornos. Por exemplo, un muíño de Bares (Mañón) está teitado con
mandíbulas de balea.
Que esta mandíbula se
atopase, e outros moitos ósos de balea, na praia de Cubelas, débese a que esta
era a praia que resultaba máis axeitada para procesar as baleas remolcadas despois
de ser cazadas a pouca distancia da costa.
Por tanto, a singularidade
desta peza reside en que ten máis de 400 anos e pertence a unha especie de
balea xa extinguida. Grazas a ela podemos constatar a grandiosidade dun animal
ao que os homes se enfrontaban para obter grandes beneficios.
0 comentarios:
Publicar un comentario