OBXECTO: Escafandro / Diving suit / Escafandra
DATA: Século XX
MATERIAIS: Cobre, ferro /
Copper, iron / Cobre, hierro
MEDIDAS: 45 x 40 x 35 cm
Dende
o inicio dos tempos os homes recollemos do fondo do mar esponxas, corais ou
moluscos mediante o método da apnea. Xa Aristóteles fala de que na guerra do
Peloponeso uns combatentes ían provistos de tubos respiradores que lles daban aparencia
de elefantes e lles permitían manterse longo tempo debaixo da auga. Tamén, nun
baixo relevo do pazo do rei asirio Asurbanipal II aparecen figuras duns
guerreiros provistos de odres de carneiro a xeito de equipos de respiración.
Logo
dun gran número de enxeños e evolución a partires da campá de buzo de Da Vinci,
Jean Barrié e Halley, no século XIX Siebe inventa o escafandro clásico. Este
consiste nun traxe estanco completo tecido de lona cauchutada que o fai
impermeable e que está coroado por un casco metálico.
O
escafandro clásico, que aínda é utilizado hoxe en día a nivel profesional (construción
de diques ou portos, recuperacións de barcos afundidos, etc.), presenta dous
problemas. O primeiro, as diferenzas de presións que se provocaban polos erros
de alimentación e evacuación do ar, dando lugar a accidentes como o ‘golpe de
ventosa’ ou a ‘subida en balón’ que lograron remediarse en parte coa
publicación das primeiras táboas de descompresión.
O
segundo, a falta de autonomía xa que o buzo está limitado á liberdade de
movemento que lle dá o cordón umbilical co que se une ao exterior polo que
recibe o aire.
No
ano 1943 é cando o francés Jacques-Yves Cousteau e o seu equipo deseñaron o
escafandro autónomo. Grazas á botella de aire comprimido que levaban os
mergulladores ás costas, á máscara que cubría os ollos e o nariz, ás aletas de
goma e ao cinto de pastillas de chumbo que compensaba a flotabilidade natural
do corpo humano, permitíanlles aos mergulladores alcanzar grandes profundidades
e gozar dunha autonomía de movemento impensable co escafandro clásico.
No
Museo Provincial do Mar temos a sorte de contar co casco dun escafandro clásico,
unha extraordinaria peza que como todas as que atesouramos agochan fermosísimas
historias. Por exemplo, un oficial de Mariña relatounos como enfundado nun
escafandro sufriu un fallo de descompresión que o elevou do fondo mariño a
varios metros de altura ou a do visitante que nos sorprendeu dando tres golpes
cos cotobelos no casco, porque ese era o sinal que lle daban a seu pai, buzo
profesional no porto de Xixón, cando todo estaba correcto
e podía mergullarse.