O liño tivo na Mariña unha grande importancia económica e social.
Por unha banda co seu producto elaborábanse tanto o axuar doméstico como o persoal, as velas para os barcos e os traxes de auga para os mariñeiros co procedemento do encascado do liño.
Por outra banda, todos os diversos procesos na obtención do fío de liño eran traballos colaborativos nos que participaba toda a comunidade, e sobre de todo as “fiadeiras” eran un dos máis importantes medios de transmisión oral da nosa cultura popular.
O noso Clube Sénior, estivo a lembrarse dos tempos pasados nos que nas súas casas as avoas tecían no tear, da fermosa flor azul da pranta do liño, dos corvos, os pozos nos que se deixaba a remollar o liño varios días antes de ripalo, daquelas duras e ásperas sabas de estopa, do fuso e da roca e dalgunha trasnada de infancia devanando no fío.
As redeiras e as súas agullas saíron a relucir tamén, as horas adicadas a reparar aparello, ou as velas dos barcos.
Moitas grazas a todos por compartir ás vosas lembranzas, e ós nosos compañeiros de San Paio por deixarnos a semente do liño, a pranta e o liño para fiar que nos axudou a achegarnos un pouco máis a esta parte da nosa historia.
Iso é traballar en rede, compartindo recursos, experiencias e coñecementos.