Na sala 3 do Museo Provincial
do Mar destaca a gran tartaruga laúd ou de coiro que hai anos chegou a San
Cibrao.
OBXECTO: Tartaruga de coiro /
Leatherback sea turtle / Tortuga laúd
DATA: Século XX
MATERIAIS: Material orgánico /
Organic material / Material orgánico
A Dermochelys coriacea é a maior de todas as tartarugas mariñas cun
tamaño medio duns 1,80 m e 500 kg de peso e que se caracteriza pola súa coiraza
de cor escura, flexible e con forma de bágoa. Ten un hábitat moi extenso que abrangue
desde as augas de Canadá ou Alaska ata as do sur de África.
A dieta destes grandes réptiles
mariños componse fundamentalmente de medusas. A contaminación aféctaas moi
gravemente xa que as confunden con bolsas de plástico que lles orixinan a morte
ao introducirse no seu aparato dixestivo.
Outras ameazas para esta
especie, ademais da contaminación mariña, son a pesca (é corrente que queden
atrapadas nas redes ou aparellos dos pescadores), o espolio dos ovos dos seus
niños para ser consumidos como produtos delicatessen,
ou a urbanización masiva dos litorais que as deixa sen praias para desovar.
A continuación deixámosvos
unha serie de curiosidades sobre as tartarugas mariñas e invitámosvos a que
aportedes algunha máis:
-As tartarugas mariñas son
animais moi lonxevos que poden chegar a vivir 150 anos.
-De cada mil ovos de tartaruga
é habitual que só un chegue á vida adulta.
-Unha tartaruga laúd femia percorreu 20.900 km en 647 días desde Indonesia
ata a costa oeste de Estados Unidos.
-O sexo das tartarugas depende da temperatura do niño.
Se é temperada serán femias ou machos, se é fría só machos e, se é quente, só femias.