OBXECTO: Escafandro / Diving suit / Escafandra
DATA: Século XX
MATERIAIS: Cobre, ferro / Copper, iron / Cobre, hierro
MEDIDAS: 45 x 40 x 35 cm

Dende o inicio dos tempos os homes recollemos do fondo do mar esponxas, corais ou moluscos mediante o método da apnea. Xa Aristóteles fala de que na guerra do Peloponeso uns combatentes ían provistos de tubos respiradores que lles daban aparencia de elefantes e lles permitían manterse longo tempo debaixo da auga. Tamén, nun baixo relevo do pazo do rei asirio Asurbanipal II aparecen figuras duns guerreiros provistos de odres de carneiro a xeito de equipos de respiración.

Logo dun gran número de enxeños e evolución a partires da campá de buzo de Da Vinci, Jean Barrié e Halley, no século XIX Siebe inventa o escafandro clásico. Este consiste nun traxe estanco completo tecido de lona cauchutada que o fai impermeable e que está coroado por un casco metálico.

O escafandro clásico, que aínda é utilizado hoxe en día a nivel profesional (construción de diques ou portos, recuperacións de barcos afundidos, etc.), presenta dous problemas. O primeiro, as diferenzas de presións que se provocaban polos erros de alimentación e evacuación do ar, dando lugar a accidentes como o ‘golpe de ventosa’ ou a ‘subida en balón’ que lograron remediarse en parte coa publicación das primeiras táboas de descompresión.

O segundo, a falta de autonomía xa que o buzo está limitado á liberdade de movemento que lle dá o cordón umbilical co que se une ao exterior polo que recibe o aire.

No ano 1943 é cando o francés Jacques-Yves Cousteau e o seu equipo deseñaron o escafandro autónomo. Grazas á botella de aire comprimido que levaban os mergulladores ás costas, á máscara que cubría os ollos e o nariz, ás aletas de goma e ao cinto de pastillas de chumbo que compensaba a flotabilidade natural do corpo humano, permitíanlles aos mergulladores alcanzar grandes profundidades e gozar dunha autonomía de movemento impensable co escafandro clásico.

No Museo Provincial do Mar temos a sorte de contar co casco dun escafandro clásico, unha extraordinaria peza que como todas as que atesouramos agochan fermosísimas historias. Por exemplo, un oficial de Mariña relatounos como enfundado nun escafandro sufriu un fallo de descompresión que o elevou do fondo mariño a varios metros de altura ou a do visitante que nos sorprendeu dando tres golpes cos cotobelos no casco, porque ese era o sinal que lle daban a seu pai, buzo profesional no porto de Xixón, cando todo estaba correcto e podía mergullarse.


OBXECTO: Esperma de cachalote / Spermaceti / Esperma de cachalote (Physeter macrocephs)
DATA: Século XX
MEDIDAS: 500 ml – Etiqueta MA0171T03

O espermaceti é un fluído branco e mesto que se atopa nunha cavidade do cranio dos cachalotes. Por tanto, nada ten que ver coa reprodución.

Pénsase que está relacionado coa flotabilidade do animal xa que, ao mergullarse, este fluído endurécese e equipara a súa densidade á da auga. Así o esforzo natatorio que ten que facer o cachalote é moito menor, e pode manterse baixo a auga moito máis tempo e a moita maior profundidade que calquera outro cetáceo.

Despois de extraer o espermaceti da cabeza dos cachalotes, metíase en toneis e vendíase a un valor considerablemente maior que o do resto dos aceites de balea.

Foi usado pola industria cosmética, sobre todo en barras de labios e maquillaxes; para iluminar lámpadas de aceite (xa que nin cheiraba nin chispeaba) e para facer candeas con grande poder lumínico; e como lubricante, xa que non varía a densidade cos cambios de temperatura e resulta ben a altas presións e velocidades, chegando a usarse en foguetes e satélites espaciais. 


Insignia identificativa de Facebook

Image Hosted by ImageShack.us

Agora no twitter

    follow me on Twitter

    Recibenos no teu email

    Introduce a tua dirección:

    Delivered by FeedBurner

    Engadenos na tua web

    Siareiros

    Contacto
    Museo Provincial do Mar
    Avenida da Mariña s/n
    San Cibrao
    27890 Cervo (Lugo)
    Tfno.: 982 594 572 / museodomar

    Horario de inverno (de outubro a maio)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Tardes de 16:00 a 19:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Horario de verán (de xuño a setembro)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a14:00
    Tardes de 17:00 a 20:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Contenidos bajo licencia

    Creative Commons License