Na sala 3 do Museo Provincial do Mar destaca a gran tartaruga laúd ou de coiro que hai anos chegou a San Cibrao.

OBXECTO: Tartaruga de coiro / Leatherback sea turtle / Tortuga laúd
DATA: Século XX
MATERIAIS: Material orgánico / Organic material / Material orgánico

A Dermochelys coriacea é a maior de todas as tartarugas mariñas cun tamaño medio duns 1,80 m e 500 kg de peso e que se caracteriza pola súa coiraza de cor escura, flexible e con forma de bágoa. Ten un hábitat moi extenso que abrangue desde as augas de Canadá ou Alaska ata as do sur de África.

A dieta destes grandes réptiles mariños componse fundamentalmente de medusas. A contaminación aféctaas moi gravemente xa que as confunden con bolsas de plástico que lles orixinan a morte ao introducirse no seu aparato dixestivo.

Outras ameazas para esta especie, ademais da contaminación mariña, son a pesca (é corrente que queden atrapadas nas redes ou aparellos dos pescadores), o espolio dos ovos dos seus niños para ser consumidos como produtos delicatessen, ou a urbanización masiva dos litorais que as deixa sen praias para desovar.

A continuación deixámosvos unha serie de curiosidades sobre as tartarugas mariñas e invitámosvos a que aportedes algunha máis:

-As tartarugas mariñas son animais moi lonxevos que poden chegar a vivir 150 anos.

-De cada mil ovos de tartaruga é habitual que só un chegue á vida adulta.

-Unha tartaruga laúd femia percorreu 20.900 km en 647 días desde Indonesia ata a costa oeste de Estados Unidos.

-O sexo das tartarugas depende da temperatura do niño. Se é temperada serán femias ou machos, se é fría só machos e, se é quente, só femias.


OBXECTO: Sextante / Sextant / Sextante
MATERIAIS: Metal dourado, marfil, cristal, madeira / Gold metal, ivory, crystal, wood / Metal dorado, marfil, cristal, madera
MEDIDAS: 24,2 x 23 x 9,7 cm

O sextante foi un dos maiores achados na historia da navegación marítima de todos os tempos. Gobernou o mar ata mediados do século pasado cando foi substituído polo Sistema de Posicionamento Global (GPS), a triangulación por satélite ou o Galileo. Aínda así, nos barcos de certa envergadura segue sendo obrigatorio ante posibles avarías nos equipos electrónicos.

O seu funcionamento baseouse en medir a altura dun astro visible nunha latitude (N, S) e comparala coa altura dese mesmo astro estando no mar. Deste xeito, a diferenza presentaba a nova latitude.

Unha das innovacións que supuxo o sextante fronte ao astrolabio foi que na medición se tomaron ángulos, o cal resultaba moito máis sinxelo no mar en continuo movemento.

O sextante é basicamente un transportador de ángulos (chámase sextante porque abarca 60º da circunferencia) ao que se lle engaden espellos para poder situar na mesma liña visual o horizonte e algún obxecto celeste.

Os diferentes xeitos de navegación por radio, radar ou satélite teñen axudado a facer a navegación marítima moito máis rápida, sinxela e accesible. Sen embargo, sempre se debe ter en conta que a navegación celestial non require de electricidade nin pode ser controlada en exclusividade por ninguén.


A bitácora é o armario de forma cilíndrica ou prismática, de madeira ou latón, ancorado no chan da ponte do barco. Nela vai montado o compás ou agulla náutica mediante suspensión cardán para que, aínda cos balanceos e cabezadas do barco, manteña a horizontalidade.

Dentro dela hai imáns e, ás súas dúas bandas, unhas bolas de ferro doce para anular os efectos do ferro de a bordo. Así lógrase un campo magnético neutro de xeito que a agulla marque sempre o norte magnético.

Antes de que as pontes dos buques estivesen cubertas, este armario tiña un caixón no que se protexía das inclemencias do tempo o caderno de bitácora, libro no que os pilotos anotaban todas as incidencias meteorolóxicas ou náuticas que se producían durante a navegación.

OBXECTO: Escafandro / Diving suit / Escafandra
DATA: Século XX
MATERIAIS: Cobre, ferro / Copper, iron / Cobre, hierro
MEDIDAS: 45 x 40 x 35 cm

Dende o inicio dos tempos os homes recollemos do fondo do mar esponxas, corais ou moluscos mediante o método da apnea. Xa Aristóteles fala de que na guerra do Peloponeso uns combatentes ían provistos de tubos respiradores que lles daban aparencia de elefantes e lles permitían manterse longo tempo debaixo da auga. Tamén, nun baixo relevo do pazo do rei asirio Asurbanipal II aparecen figuras duns guerreiros provistos de odres de carneiro a xeito de equipos de respiración.

Logo dun gran número de enxeños e evolución a partires da campá de buzo de Da Vinci, Jean Barrié e Halley, no século XIX Siebe inventa o escafandro clásico. Este consiste nun traxe estanco completo tecido de lona cauchutada que o fai impermeable e que está coroado por un casco metálico.

O escafandro clásico, que aínda é utilizado hoxe en día a nivel profesional (construción de diques ou portos, recuperacións de barcos afundidos, etc.), presenta dous problemas. O primeiro, as diferenzas de presións que se provocaban polos erros de alimentación e evacuación do ar, dando lugar a accidentes como o ‘golpe de ventosa’ ou a ‘subida en balón’ que lograron remediarse en parte coa publicación das primeiras táboas de descompresión.

O segundo, a falta de autonomía xa que o buzo está limitado á liberdade de movemento que lle dá o cordón umbilical co que se une ao exterior polo que recibe o aire.

No ano 1943 é cando o francés Jacques-Yves Cousteau e o seu equipo deseñaron o escafandro autónomo. Grazas á botella de aire comprimido que levaban os mergulladores ás costas, á máscara que cubría os ollos e o nariz, ás aletas de goma e ao cinto de pastillas de chumbo que compensaba a flotabilidade natural do corpo humano, permitíanlles aos mergulladores alcanzar grandes profundidades e gozar dunha autonomía de movemento impensable co escafandro clásico.

No Museo Provincial do Mar temos a sorte de contar co casco dun escafandro clásico, unha extraordinaria peza que como todas as que atesouramos agochan fermosísimas historias. Por exemplo, un oficial de Mariña relatounos como enfundado nun escafandro sufriu un fallo de descompresión que o elevou do fondo mariño a varios metros de altura ou a do visitante que nos sorprendeu dando tres golpes cos cotobelos no casco, porque ese era o sinal que lle daban a seu pai, buzo profesional no porto de Xixón, cando todo estaba correcto e podía mergullarse.


OBXECTO: Esperma de cachalote / Spermaceti / Esperma de cachalote (Physeter macrocephs)
DATA: Século XX
MEDIDAS: 500 ml – Etiqueta MA0171T03

O espermaceti é un fluído branco e mesto que se atopa nunha cavidade do cranio dos cachalotes. Por tanto, nada ten que ver coa reprodución.

Pénsase que está relacionado coa flotabilidade do animal xa que, ao mergullarse, este fluído endurécese e equipara a súa densidade á da auga. Así o esforzo natatorio que ten que facer o cachalote é moito menor, e pode manterse baixo a auga moito máis tempo e a moita maior profundidade que calquera outro cetáceo.

Despois de extraer o espermaceti da cabeza dos cachalotes, metíase en toneis e vendíase a un valor considerablemente maior que o do resto dos aceites de balea.

Foi usado pola industria cosmética, sobre todo en barras de labios e maquillaxes; para iluminar lámpadas de aceite (xa que nin cheiraba nin chispeaba) e para facer candeas con grande poder lumínico; e como lubricante, xa que non varía a densidade cos cambios de temperatura e resulta ben a altas presións e velocidades, chegando a usarse en foguetes e satélites espaciais. 


As ameixas xigantes (Tridacna gigas) son os moluscos bivalvos máis grandes do mundo. Poden chegar aos 150 cm de lonxitude e aos 300 kg de peso. Téñense atopado exemplares con máis de 100 anos polo que tamén son dos máis lonxevos.

OBXECTO: Tridacna gigas
DATA: Século XX
MATERIAIS: Material orgánico / Organic material / Material orgánico
MEDIDAS: 31 x 76 x 46 cm ; 28 x 74,2 x 44,2 cm

Estes colosos naturais atópanse nas augas cálidas tropicais dos océanos Pacífico e Índico. Están seriamente ameazados pola destrución dos arrecifes coralinos nos que habitan e pola súa pesca abusiva, debido á súa valorada carne e espectaculares cunchas.

Xa nos séculos XVI e XVII chegan a Europa os primeiros exemplares destes xigantes mariños que, en moitas ocasións, eran enviados por misioneiros como agasallos que pasaban a engrosar as coleccións de gabinetes de curiosidades e de ciencias naturais ou a decorar parques e xardíns. Aínda hoxe se poden ver en igrexas como pías de auga bendita, razón pola que os franceses as chamaban bénitier.


Insignia identificativa de Facebook

Agora no twitter

    follow me on Twitter

    Recibenos no teu email

    Introduce a tua dirección:

    Delivered by FeedBurner

    Engadenos na tua web

    Siareiros

    Contacto
    Museo Provincial do Mar
    Avenida da Mariña s/n
    San Cibrao
    27890 Cervo (Lugo)
    Tfno.: 982 594 572 / museodomar

    Horario de inverno (de outubro a maio)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Tardes de 16:00 a 19:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Horario de verán (de xuño a setembro)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a14:00
    Tardes de 17:00 a 20:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado
    Se ha producido un error en este gadget.

    Contenidos bajo licencia

    Creative Commons License