O “INDUSTRIAL”
O “Industrial” foi un bergantín-goleta de grande porte destinado á cabotaxe, construído en madeira de xeito artesanal polos carpinteiros de ribeira dos estaleiros de La Linera de Castropol. A súa quilla foi posta un 8 de novembro de 1919 e foi botado o 18 de decembro de 1922. Foi considerado o mellor navío daqueles tempos, non en van o seu orzamento acadou 1.475.000 ptas. Os armadores do barco foron D. Máximo Fernández, D. José Pérez, D. Germán García e D. Domingo Martínez.
O bergantín tiña 38,40 m. de eslora, 8,68 de manga e 4,20 de puntal, cun desprazamento máximo de 500 toneladas. Arbolaba tres paus, o maior de ferro e o trinquete e mesana de caoba. Levaba sobre cuberta unha amplia cámara para o capitán e outra no centro usada como dependencias para a tripulación, para a cociña, etc. Debaixo da cuberta, a bodega ocupaba todo o espazo, destinado para a carga.
A súa botadura foi un grande acontecemento para tódolos pobos da ribeira do Eo. Os xornais da época narran cómo centos de persoas acudían ós estaleiros dúas horas antes para presenciar a botadura. Ata se suspenderon as clases nas escolas para que os profesores e alumnos puideran ir. Houbo orquestra e bombas de palenque, e ademais acudiron tódalas autoridades pertinentes. Os padriños do barco foron dous dos fillos dos armadores, Carmencita García, de 11 anos, e Melquiades Martínez. Despois de tan insigne acto, os armadores invitaron a pastas e champagne ás autoridades e ós distinguidos invitados.
Á hora da pleamar, sobre as 15:15 do 18 de decembro de 1922, o “Industrial” comezou a súa singradura, que duraría 27 anos, durante os cales foi moi castigado polos temporais, sufrindo múltiples avarías e transformacións na súa estructura.
Dentro da súa historia, destacou a viaxe que fixo a Cuba, para buscar un cargamento de azucre. As altas temperaturas do Caribe ocasionaron graves danos no barco, que tivo que volver ós estaleiros de La Linera para a súa reparación.
En 1939, o barco foi vendido a un veciño de Noia, D. Manuel Pérez García; e no 1946 pasou ás mans da compañía Cristóbal Colón de Madrid.
Foi dado de baixa o 15 de marzo de 1949. Segundo o seu diario de navegación, a súa última tripulación estivo composta case por enteiro por homes de San Cibrao: Antonio Ponte era o seu segundo patrón, sustituído á súa morte por Ramón Pérez, e o resto da tripulación foron Manuel Ponte “o Canteiro”, Marcelino “Chelito” Mosquera, Joaquín Rey, Carlos Gasset Cortes, sobriño do filósofo Ortega e Gasset; o pilotín, José Ponte, Marcelino López e Marcelino Ponte.
Nembargantes, para as xentes de San Cibrao a historia deste barco está unida á figura de Cipriano Ponte, recordado por todos como un dos máis grandes navegantes deste pobo. De feito, o cariño que a xente de aquí lle ten á maqueta do “Industrial” exposta no museo, débese en grande medida a que foi feita polo propio Cipriano Ponte.
Nunha viaxe a Cádiz para fornecerse de sal para San Cibrao, a Cipriano ofrecéronlle un bo traballo nas salinas dos Bombos da Carraca. Aceptou o emprego e na viaxe de volta foi seu irmán Antonio quen ocupou o posto de patrón. Fixeron porto en Vigo, e alí recibiu Antonio a visita da súa muller e do seu fillo, que tería un ano de idade. Facía temporal e ó ir tensar o cabo de amarre, soltouse a mancha do molinete de proa que lle deu na cabeza. Antonio morreu alí mesmo. Cipriano, cando coñeceu a noticia, voltou inmediatamente de Cádiz para facerse cargo do barco, posto que xa non abandonaría ata o remate da vida útil do “Industrial”.

0 comentarios:

Publicar un comentario

Insignia identificativa de Facebook

Image Hosted by ImageShack.us

Agora no twitter

    follow me on Twitter

    Recibenos no teu email

    Introduce a tua dirección:

    Delivered by FeedBurner

    Engadenos na tua web

    Siareiros

    Contacto
    Museo Provincial do Mar
    Avenida da Mariña s/n
    San Cibrao
    27890 Cervo (Lugo)
    Tfno.: 982 594 572 / museodomar

    Horario de inverno (de outubro a maio)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Tardes de 16:00 a 19:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Horario de verán (de xuño a setembro)
    Martes a sábado:
    Mañás de 11:00 a14:00
    Tardes de 17:00 a 20:00
    Domingos e festivos:
    Mañás de 11:00 a 14:00
    Luns pechado

    Contenidos bajo licencia

    Creative Commons License